VISITA DE FRANCK CASAÑAS

Con motivo do proxecto dos Xogos Olímpicos que están realizando os alumnos de 4º de Educación Primaria, e por medio das familias, recibimos na nosa aula a un deportista único: Frack Casañas. 

Quizais por iso de practicar un "deporte minoritario" ou por non estar nos medios de comunicación con frecuencia, non é moi coñecido pero o certo é que falamos de alguén que leva ás costas unha marca que poucos lograron: a participación en cinco Xogos Olímpicos que poden ser seis se Casañas logra clasificarse para Tokyo 2020.  


Detrás de Frank atopamonos unha persoa sinxela, amante de adestrar o lanzamento de disco -a súa especialidade deportiva- pero de moitos outros deportes. Fillo de deportistas, naceu hai 40 anos e xa dende neno facía moito deporte. Un lanzamento de disco serviu para que alguén se fixaxe nel e comezase practicalo. Así comezaron as competicións: nacionais, mundiais, iberoamericanos e ...Xogos Olímpicos.



Sen aínda pechar a súa carreira deportiva, Franck adestra a un grupo de rapaces no  Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra onde transmite todo o vivido durante máis de dúas décadas de deporte profesional coa ilusión intacta.


Lembrarémonos de Franck por achegar a cada alumno a cinco experiencias olímpicas, aos valores reais do deporte, a unha nova disciplina olímpica coas súas regras, a planificar axeitadamente un obxectivo, a coñecer todo o positivo que ten o deporte pero tamén os seus momentos duros: o deporte individual ás veces ten como maior "inimigo" a un mesmo;  e sobre todo, a realizarse como persoa a través do deporte. 


Para finalizar os alumnos tiveron a aportunidade de pedir unha sinatura ao noso protagonista e quitar unha foto de grupo. Seguro que todos recordarán este día durante moito tempo. 


Franck deixounos unha camisola da súa participación nos Xogos de Río e unha foto firmada. 

















Agradecer a Vanesa e a Ana a colaboración para facer posible esta charla e loxicamente a Franck por agasallarnos con dúas horas de clase maxistral. 

Comentarios